Friday 03 de May de 2024

O Servizo de Normalización Lingüística organiza un obradoiro de acollemento lingüístico para persoas de fóra de Galicia


Tamén está aberto o prazo para participar nos cursos preparatorios das probas Celga

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo pon en marcha por segunda vez este ano dúas interesantes accións formativas que tiveron moi boa acollida na anterior edición.

Por unha banda, para as persoas de fóra de Galicia está programado un obradoiro de
acollemento lingüístico, no cal os/as participantes entrarán en contacto coa lingua e a cultura galegas. O curso, que se celebrará sempre que exista un grupo mínimo de 20 persoas inscritas, inclúe un manual de contidos para o alumnado. A formación desenvolverase entre o 3 de outubro e o 21 de decembro, cun total de 33 horas. As clases serán todos os martes e xoves, de 18.00 a 19.30 horas, no centro social Escola de Arrabaldes, na Milagrosa.

Todas as persoas interesadas poden inscribirse ata o 2 de outubro enviando a snl@carballo.gal un correo electrónico no que que se indicará o nome e apelidos e un teléfono de contacto. As inscricións realizaranse por orde de chegada das mensaxes ata completar o número máximo de alumnado (25 persoas).

Tamén repetimos os cursos preparatorios das probas Celga 2, 3 e 4, para as cales, precisamente, está aberto o prazo de matrícula ata o 25 deste mes. Neste caso será preciso contar cun mínimo de 10 participantes. As clases impartiranse todos os xoves, de 19.30 a 21.30 horas, no centro social Escola de Arrabaldes, dende o 28 de setembro ata finais de novembro.

Todas as persoas interesadas pódense inscribir ata o 27 de setembro mandando un correo co nome e apelidos e número de teléfono a snl@carballo.gal.